Sunday 28 de April de 2024

Bardaos inicia hoxe tres fins de semana de festa por todo San Sadurniño


Encaramos a fin do verán e con ela os tres últimos estalos da traca festeira estival, que nos levan esta fin de semana a Bardaos, a que vén a Igrexafeita e, como remate, o Belén de San Sadurniño. Destas dúas últimas falaremos con máis detalle chegada a véspera, porque o que toca agora é centrarse na multitudinaria Santa María-San Pipote que arranca esta mesma noite en Bardaos cun concerto “tranqui” seguido mañá e máis pasado dos días fortes.

O inicio do San Pipote terá lugar no local social da Bañoca hoxe xoves a partir das 22:30h. Na “sede episcopal” -máis ben sede da confraría veciñal- actuará o grupo Keepers a xeito de quecemento dunhas festas que se trasladarán mañá venres e máis o sábado ao campo situado ao pé da igrexa parroquial.

Na segunda xornada a parte musical será cousa da orquestra Solara na sesión vermú e na verbena que rematará xa ben entrada a madrugada con picadiscos.

O sábado 9 haberá olimpiadas parroquiais na área recreativa (18:30h) e a partir da 1:30 da mañá a procesión do San Pipote na que a mocidade carrexa dous grandes bocois até diante do escenario, lugar desde o que Carlos Cobelo volverá arengar ao público co seu particular pregón. Na sesión vermú actuará a orquestra La Travesía, acompañada na verbena da formación portuguesa Arkadia.

Ademais, este último día da festa -cando máis convidadas e convidados hai nas casas- é o sinalado para percorrer a parroquia cun grupo de gaitas que animará a celebración do patroa en cada lugar. O domingo non hai actividades previstas.

As seguintes: o Biscordel e o Belén
A seguinte festa do noso calendario témola os días 16 e 17 de setembro en Igrexafeita na honra da Nosa Señora do Biscordel, o sábado co Trío Antha e a Orquestra Miramar e o domingo cunha sesión vermú alongada durante a tarde que estará sostida polas pezas do grupo Origen. Ambos días haberá misa ás 13:30h.

O peche das troulas estivais levaranos o venres 22 e o sábado 23 de setembro ao Campo da Feira, en San Sadurniño, para celebrarmos a festa do Belén. O primeiro día só haberá verbena -con New York e o DJ Federato– e o segundo hai programado un xantar popular con salpicón de rape, carne asada, sobremesa e café para o que xa se poden ir facendo reservas, ao prezo de 25€, nos teléfonos 630 288 080, 627 207 750 e 697 392 693. Actuarán o Dúo Estrellas e a Disco Móvil Supreme.